Factoría aborda desde a praxis e a teoría o máis experimental da creación audiovisual contemporánea: obras a medio camiño entre a institución do cine e canles de exhibición restrinxidos de carácter alternativo; un corpus que deixou hai tempo de ser unitario para definirse pola extrema proliferación de formatos e ámbitos de exhibición.

Factoría focaliza o seu interese na imbricación xéneros, soportes, formatos e tendencias: o máis avanzado do cinema de autor/ensaio, o vídeo-arte “museístico”, a produción underground afastada, incluso, dos circuítos de cine independente.

Este fértil punto de encontrou é o territorio de acción/investigación de Factoría, que dará cabida a unha ampla selección de videocreacións, interrelacións entre ficción e documental, formas ensaísticas de cinematografía que establezan diálogos interdisciplinares, debates que aborden os de reprodución/exhibición e a intervención do espazo mediante contidos audiovisuais.