Acción

A idea de establecer un laboratorio de experimentación permanente en torno á concepción colectiva do espazo urbano é unha das bases en que se asenta o proxecto de Factoría.

Nun escenario global determinado por profundas transformacións socioeconómicas e pola emerxencia da denominada sociedade informacionalista, a tarefa do creador deriva cara a selección, conxunción e difusión de contidos estéticos e conceptuais, cara a materialización de iniciativas interdisciplinares polívocas, que amalgaman diferentes rexistros e niveis de lectura.

En consecuencia, un proxecto urbano deixa de ser unha inconexa topografía nada do traballo de disciplinas illadas, para converterse na suma do traballo de artistas, urbanistas, arquitectos, escenógrafos, antropólogos, historiadores… e da propia cidadanía, entendendo a urbe coma proxecto colectivo en permanente desenvolvemento, que transcende ao individuo e ao conxuntural, definindo entornos que hibridan o local e o global.

A función deste UrbanLab é a de converterse en re-emisor e amplificador das inquedanzas do seu contexto, tendo en conta as súas connotacións históricas e a súa privilexiada situación, dende unha óptica ampla e plural. O seu propósito é xerar un diálogo que active a conciencia crítica dos cidadáns en relación co seu entorno; inducir á reflexión acerca das formas de experimenta-la realidade urbana, coa construción é tarefa de todos, e formular preguntas sobre dos seus novos retos: a adaptación aos procesos e ferramentas dixitais, a transformación dos medios de transporte e comunicación, a acuciante necesidade de promover o desenvolvemento sostible e a redefinición das nosas capacidades perspectivas e relacionais son, sen dúbida, temas capitais no discurso contemporáneo.

Arte, ciencia e tecnoloxía –emoción, coñecemento e imaxinación- constitúen o soporte fundamental desta investigación colectiva.