O laboratorio de ideas constitúe o elemento esencial dentro da estrutura de traballo de Factoría. De algún modo, trátase do punto de partida e da consecuencia última do proxecto, é a forza motora do amplo mecanismo que regula a creación de contidos culturais no espazo, convertido en centro de produción de coñecementos.

Alén de configurarse coma un obradoiro que posibilite a concreción de proxectos xa formulados, o laboratorio de ideas enténdese coma un fértil territorio de diálogo, debate e investigación colectiva que orixina novos proxectos. O coñecemento deixa de se-lo medio para converterse no produto, as ideas plantéxanse e son desenvolvidas nun proceso continuo de xeración de proxectos, non necesariamente relacionado coa súa posterior plasmación formal: o importante non é tanto posibilitar a execución física dunha idea como axudar a concibila; o fundamental é establecer liñas de investigación permanentes arredor das cuestión máis elementais da creación contemporánea e do seu contexto social.

A súa concepción non responde a plantexamentos convencionais, non se deriva do tradicional brainstorming e non trata de dar resposta a preguntas/necesidades illadas. O seu obxectivo é tecer un sólido discurso intelectual e creativo realmente interdisciplinar, poñer a imaxinación ao servizo de varias liñas de creación predefinidos, de maneira que existan grandes obxectivos a longo prazo que sexan acadados mediante unha suma de microproxectos, autónomos pero cohesionados. Grosso modo, trátase dun foro aberto ao heteroxéneo corpus de profesionais que interveñen na docencia, a xestión do espazo público e a análise das prácticas sociais, orientado cara a formación integral tanto destes especialistas coma dos estudantes universitarios e de ensinanza media, así como para calquera cidadán sensible ás modificacións máis importantes operadas no seu propio espazo habitacional. O seu énfase radica na formulación teórica, o pensamento, a integración multicultural e a formación dunha conciencia crítica para a cidadanía.