A acepción de espellismo, manexada neste contexto expositivo, fai referencia á imaxe ou á representación enganosa da realidade provocada na mente pola imaxinación ou a interpretación errónea dos datos contribuídos polos sentidos. A exposición –da que o seu título é unha parodia do célebre collage de Richard Hamilton¬– aborda as nocións e os sistemas que apuntalan a construción de realidades no mundo actual, ademais de explorar as posibles idiosincrasias da era dixital.

Neste sentido, a arte do engano –á que corresponde a dobre faceta das accións de enganar e de deixarse (consciente ou inconscientemente) enganar¬– perfílase como idea articuladora da proposta expositiva. Aínda que sexa un concepto abstracto, construído co fin de organizar a experiencia sensible, o engano atópase practicamente en todas partes, amosándose incluso como un imperativo biolóxico e, no noso caso, cultural.

Varios artistas contemporáneos, especialmente no ámbito da media art, sacaron partido deste feito. A simulación, coa súa estratexia de produción de realidades, destaca, por exemplo, como unha das prácticas máis ampla e habilmente empregadas na arte actual. Os mundos xerados artificialmente libéranse da esixencia de seguir os modelos de universo e de natureza verdadeiros, creando as súas propias nocións de realidade e autenticidade.

As obras que invocan o espellismo adoitan recorrer a prácticas metafóricas e confabulatorias (entendendo o mundo nietzschenianamente como fábula), operación que implica o xesto de debandar un fío condutor que envolva o espectador, tornándoo partícipe. No noso caso, a escenificación realista, a documentación ficticia, a simulación de verdades, o carácter ambiguo de narrativas son só algúns dos procedementos adoptados polos artistas nos traballos presentados nesta mostra.

Transdisciplinariedade e multiplicidade de técnicas e medios son outras peculiaridades que definen o conxunto das obras exhibidas, atendendo ás liñas directrices de Factoría. Así mesmo, a selección, que inclúe artistas españois e latinoamericanos, ratifica a proposta deste novo espazo de establecer unha relación efectiva, e non puramente retórica, entre os axentes artístico-culturais de ámbolos dous lados do Atlántico.

Claudia Giannetti

Ver galería