Factoría dispón de un programa anual de residencias, mediante o que selecciona a diferentes creadores internacionais para integralos nos proxectos do espazo. A selección é realizada por un comité asesor formado por grandes especialistas en diferentes disciplinas, a saber: novas tecnoloxías, experimentación sonora, deseño, creación audiovisual e urbanismo. Unha vez escollido, o grupo de creadores divídese en tres diferentes equipos de traballo nos que prima un criterio organizativo transversal-multidisciplinar: un vídeo-artista, un músico e un arquitecto; un escritor, un artista plástico e un urbanista… Deste xeito, garántese que as investigacións exploren territorios intersticiais, mesturando obxectos artísticos, creativos e culturais en contextos urbanos concretos, Compostela e La Habana, baixo un prisma global.
Non obstante, o papel fundamental dos residentes é o de suxerir, estimular, activar unha rede estable de pensamento e colaboración que sustente a dinámica diaria de traballo e actividades do centro. Esta rede está constituída por unha serie de xoves creadores becados por Factoría anualmente para recibir unha formación que eles mesmos posibilitan. Trátase de reincidir na comprensión da creación coma proceso colectivo amplo: os xoves bolseiros aprenden a través da execución práctica e reciben instrución nun proceso comunicativo que facilitan. Teoría e praxis nun mesmo plano, docencia e aprendizaxe bidireccionais e, a pesares de todo, unha liña de investigación concreta con parámetros claramente definidos, en función dun plan de formación/traballo/investigación predefinido e coordinado por responsables de Factoría.
En resumo, un espazo de reflexión permanente co obxectivo de traducir en proxectos concretos as pulsións da sociedade e da cultura do noso tempo, activando as infinitas vías creativas que afloran na epiderme das sociedades contemporáneas.
