Nun mundo definido polo cosmopolitismo, a globalización e a heteroxeneidade estética, a crecente importancia do denominado deseño industrial e a súa capacidade de adaptación a diferentes soportes e linguaxes non pode ser omitidas. Non obstante, e a diferencia do que ocorrera a principios do século pasado, nos nosos días o deseño xa non se entende dende a utopía ou o mesianismo do creador, como ferramenta clave na reformulación das estruturas sociais e económicas, senón máis ben coma o común denominador de toda produción humana e, polo tanto, un dos máis potentes vehículos de expresión estética e conceptual. O deseño xa non aspira a cambia-lo mundo, pero é evidente que o informa, atendendo á comprensión das múltiples particularidades de cada sociedade, efémeras e locais, imbricadas nunha rede global repleta de converxencias e diverxencias. Superada a ficticia barreira que o afastaba da arte –da ilusión da “grande arte” que sobreviviu, durante séculos, no inconsciente colectivo-, o deseño industrial contribúe hoxe a xerar novos espazos alleos á retórica dos tradicionais recintos expositivos, e por iso constitúe un dos soportes que sustenta a experimentación formal en Factoría.
